Albiscando o noso traballo

A fotografía que acompaña este post pode servir de metáfora do traballo arqueolóxico, capachos, caldeiros, auga e lubas e unha fiestra que se abre ao coñecemento pouco a pouco, paso a paso.

Capachos e caldeiros axudan a ir sacando os depósitos que imos escavando, coa auga limpamos os materiais arqueolóxicos que estraemos, ou facemos o morteiro da consolidación, ou mesmo acentuamos a coloración dunha U.E. nos días de verán, as lubas protexen as mans no monte, ou os materiais no laboratorio e coa combinación de todo esto e máis imos dando paso ao coñecemento do noso pasadoImagen

Con mans de… bronce

As pezas arqueolóxicas que se poden ver nos museos non saen así da terra. A tarefa dos nosos compañeiros restauradores é moi importante. No Monte do Castro esta tarefa a desempeñan diariamente coa consolidación de estruturas, coa extracción de pezas no campo e coa minusciosa limpeza destas. Así, na fotografía vemos como se mima o último machado de cubo aparecido na nosa escavación, unha peza singular fabricada en bronce e da que xa podemos dicir que foi empregada polo seu antigo dono…

Salón de beleza en Monte do Castro

Non é nada excepcional o achádego de pinzas de depilar en xacementos da Idade do Ferro do NO. E niso, o noso xacemento  non é tan diferente, documentamos parte dunhas pinzas de depilar de bronce no contexto da casa-patio, son máis elaboradas que outros exemplos documentados noutros castros pero non deixan de ser unhas pinzas. O culto ao corpo non é nada novo, non é algo exclusivo da sociedade actual, quizais no século I a.C. a finais dun mes de maio como o que ven de rematar, un castrexo ou castrexa levaba a cabo a primeira operación biquini da historia.Imagen

Medidas paliativas

Certo é que unha escavación arqueolóxica é unha afección directa a un xacemento arqueolóxico. Indagamos para coñecer o pasado, abrindo unha ferida na terra que non pode voltar a ser pechada do mesmo xeito. A nosa actuación, supón que estruturas e pavimentos se degraden moito máis rápido. Por elo, o traballo dos restauradores é tan importante como o dos arqueólogos. Os nosos compañeiros palían a nosa afección, actúan sobre a ferida e fan que o “enfermo” mellore e luza digno e fermoso para as futuras visitas, para os herdeiros do Patrimonio.

Comida de marraos?

Unha das “maravillas” de escavar un xacemento destruído pola acción do lume é a posibilidade de atopar restos orgánicos carbonizados.

O que aquí presentamos é a primeira landra que documentamos no Monte do Castro, nun nivel do cambio de Era (I a.C.I d.C.), o que agora e alimento de porcos-marraos, fai 2000 anos era parte importante da dieta dos nosos antergos. Con elas, unha vez sacado o seu amargor e aqueles elementos que a fan inapropiada para o consumo humán, os habitantes do Monte do Castro facían pan unha vez moídas nalgún dos centos de muíños naviculares ou circulares que documentamos tamén.

Manteados e non de Astorga

Nos diferentes xacementos castrexos do NO da Península Ibérica aparecen anaquiños de arxila cocida con negativos de ramallos na parte traseira, o chamado pallabarro. Son anacos dos manteados de arxila que recobrían o interior dalgunhas estruturas, a impermeabilización destas.

No xacemento, atopamos duas estancias co derrubo interior destas paredes, as cales se erguían sobre pequenos “zócalos” de pedra e que interpretamos como silos ou graneiros.

Voltamos??

Despois dalgúns meses con este blog parado por mor do traballo de gabinete, ese escuro traballo que non se ve nin luce tanto como a escavación, pero que leva máis tempo e, quizais, un esforzo intelectual moitísimo maior.

O día 16 de abril retomamos os traballos de campo, a III Fase da recuperación patrimonial do Monte do Castro comezará a andar, no que buscaremos pechar algunha zona aínda non moi clara e, sobre todo, levar a cabo un inxente traballo de restauro. E…mentres non comezamos actualizamos coñecementos… Hoxe presentamos os restos dunha mandíbula dun herbívoro, cabalo, non é raro, pero si difícil pola acidez do noso solo ácido. De novo benvidos a nosa bitácora

Gran acontecemento singular e especial!!

Este post non é sobre Monte do Castro directamente, pero si sobre un dos membros do primeiro equipo de traballo e sobre todo, un AMIGO.

O día 25 de xaneiro, o MESTRE Xurxo M Ayán Vila, vai defender a súa tese no paraninfo da Facultade de Historia de Santiago de Compostela, ás 10:30 de mañá. Para o que aquí escribe, trátase dun acontecemento esperado por varios motivos; trátase dunha nova etapa superada por un amigo, despois de moito bregar co tema e, tamén, porque seguro que esta tese vai a provocar reaccións entre a comunidade arqueolóxica galega (tanto para ben coma para mal) e ,xa son horas de que pase algo e as mentes se activen. Queremos felicitar a Xurxo polo traballo e desearlle sorte na súa defensa, á que seguro asistiremos e vos convidamos a todos a acudir.

Un polbo voador??

Voltamos pouco a pouco á actividade tras un pequeno parón de nadal, sempre necesario para coller un pouco de fol.

Hoxe en día, unha intervención arqueolóxica conta con moitas ferramentas tecnolóxicas, dende unha estación total para levar a cabo a xeorreferenciación da documentación arqueolóxica, cámaras fotográficas dixitais, escaners en 3D e, o que hoxe presentamos aquí, o Dromme, unha vacaloura da era moderna. Un pequeno helicóptero que porta unha cámara dixital que nos permite documentar fotográficamente en altura a nosa intervención. Na fotografía sae o arqueólogo Diego Piay de Arqueoloxía do Noroeste, S.L. preparando o vóo do aparatiño.